/*TEMPLATE STYLES*/ /*header*/html[dir="rtl"] a.wishlist-toggle{left:80px;right: auto;}html[dir="rtl"] #header ul.menu li{text-align:right;}html[dir="rtl"] #header ul.menu li a.sub .tab{margin:0 15px 0 0;}


O condutor, que cumpre prisión preventiva na Lama, podería estar na rúa en poucos meses

As súas idades están comprendidas entre os 20 e os 27 anos e onte entregáronse na Comisaría de Vilagarcía

Pablo Bouzas González, Castiñeiro , o mozo de 24 anos que na madrugada do pasado domingo arroiou a Manuel Abalo na zona de copas de Vilagarcía causándolle a morte non estaba só naquel momento. Xunto a el, viaxaban no mesmo automóbil David G. Q., de 20 anos, Rubén P. S., de 27, e Jesús M. P. M., de 25 anos de idade. Os tres, veciños da capital arousá, entregáronse onte pola mañá na Comisaría da Policía Nacional da cidade, cando transcorreran xa catro días desde o atropelo mortal.

Tras prestar declaración ante os propios axentes, cada un asistido por un avogado particular, foron postos en liberdade. Sobre eles pende agora unha acusación por un delito de encubrimento. Por esta razón, terán que comparecer ante a autoridade xudicial cantas veces sexan requiridos ata a celebración do xuízo. No caso de ser declarados culpables, enfrontaranse a penas que oscilan entre os seis meses e os tres anos de prisión.

A decisión dos tres compañeiros de Casti contradi o que o propio condutor afirmou aos axentes que o detiveron, o pasado luns, cando pilotaba outro vehículo, un Volkswagen Golf, polo centro de Vilagarcía. Ademais de confesarlles que era el quen conducía o Audi A4 que levou por diante a Abalo, o mozo asegurou que viaxaba só a bordo do automóbil. Foron as súas últimas declaracións, posto que ao día seguinte negouse a falar ante o xuíz que o enviou a prisión con carácter preventivo.

Pablo Bouzas atópase actualmente no cárcere da Lama. Pero esta situación ten data de caducidade. Fuentes xurídicas sinalan que pola contía das penas asociadas aos delitos que se lle atribúen -dun a catro anos de prisión por homicidio imprudente, ademais de ata seis anos de perda do permiso de circulación, e de seis meses a catro anos pola omisión do deber de socorro- esta medida cautelar non debería manterse durante demasiado tempo. Noutras palabras, Castiñeiro podería estar na rúa en cuestión de poucos meses.

O xuízo pola morte de Manuel Abalo non se celebrará antes de transcorrido un ano e medio. E unha prisión preventiva, cuxo obxecto é garantir que o reo non se fuxa ou evitar que poida interferir nas investigacións que mantén abertas a Comisaría, non pode prolongarse legalmente durante tanto tempo. Bastaría, sinalan as mesmas fontes, con que a defensa do acusado solicitase a imposición dunha fianza -non superaría os 120.000 euros, a cantidade que cubriría a súa responsabilidade civil- ou presentase recurso contra o auto de prisión, para que fose posto en liberdade.
(Fuente: Serxio Gonzalez, La Voz)
(Foto: Monica Irago)
 
Top