
Reclamaron que se eleven os pasos de peóns no centro urbano e que se mellore a sinalización
Os vilagarciáns saíron onte á rúa de forma multitudinaria para rexeitar a onda de atropelos que sacudiu á cidade durante o 2008. Miles de persoas déronse cita nas rúas do centro arousán para esixir ás autoridades máis e mellores infraestruturas viarias, e aos condutores, unha responsabilidade que se lle presupón a todo o que manexa un volante, pero que, á vista dos datos, brilla pola súa ausencia.
Os cinco peóns mortos e os corenta atropelos deste ano en Vilagarcía -a maioría deles en pasos de peóns- seguen estremecendo á poboación e por iso manifestáronse, promovidos polos familiares e amigos de Manuel Abalo, unha das vítimas mortais deste tipo de sucesos. Este mozo vilagarcián perdeu a vida a madrugada do pasado 11 de maio nun paso de peóns ao ser arroiado polo coche dun condutor que se deu á fuga e que hoxe en día xa está en liberdade.
No manifesto que puxo fin á concentración esixíronse diferentes medidas para minimizar os efectos destes atropelos. Entre elas destacan as propostas de elevar os pasos de peóns nas zonas de maior conflitividade, mellorar a visibilidade e colocar sinais luminosos nos pasos de peóns, establecer o límite de velocidade máxima en 30 quilómetros por hora no centro urbano, pechar a avenida da Mariña (zona onde se produciu o mortal accidente) durante as noites dos fins de semana, facer controis de alcoholemia e outro tipo de sustancias ou impartir charlas sobre educación viaria nos institutos.
Este paquete de medidas complétase co chamamento público aos condutores no referente á sensibilización e a responsabilidade ao volante. Do mesmo xeito lanzouse unha clara mensaxe ao estamento político para «lexislar con maior severidade, incrementando as fianzas e as penas por delitos de seguridade viaria». Outra das medidas solicitadas é a de retirar os permisos aos infractores desde que se comete o delito ata que son xulgados.
Emotiva homenaxe a Abalo
A concentración percorreu as principais vías da cidade baixo un sepulcral silencio. Os manifestantes portaban fotografías do desaparecido e pancartas con lemas como «Non máis atropelos» ou «Xustiza xa». Pero sen dúbida o momento máis emotivo foi cando o xentío se detivo ante o paso de peóns no que perdía a vida Manuel Abalo. Alí, os seus familiares, amigos e veciños, renderon un profundo e sentida homenaxe, ante a atenta mirada dos viandantes que non se sumaron á comitiva.
Entre os manifestantes atopábanse ademais os familiares e coñecidos doutras vítimas arousás que tamén pereceron durante 2008 nas estradas da cidade.
(Fuente: Roi Palmas, La Voz)